6ª asemblea xeral - Estudantes sen futuro


Non fai nin un ano que nos reuniamos por primeira vez para demostrar que estamos dispostos a loitar, loitar por un ensino público, láico e de calidade.

Xa daquelas amosamos o noso desacordo coas políticas de recortes sociais que se prevían levar a cabo, demostrando que non somos unha xeración pasiva e acomadada como se nos reprocha en múltiples ocasións, senón mozos e mozas comprometidos, preocupados polo noso porvir e dispostos a impedir que o noso futuro quede en mans de políticos e banqueiros, facéndonos pagar as consecuencias dunha crise da que non somos responsables. Cargar contra o noso futuro é cargar contra o futuro da sociedade.

Hoxe, os pasos previstos cara a privatización do ensino xa son unha realidade. Co Partido Popular ao fronte da Xunta de Galicia tivemos que soportar dende a reducción da cualificación do profesorado (obrigado a impartir materias "afíns") ata a supresión de tutorías e grupos de diversificación, pasando polo aumento do número de alumnos por aula, supresión de becas, etc.

Ao mesmo tempo, co Partido Socialista no Goberno Central as taxas universitarias disparáronse ata alcanzar cifras inaccesibles para unha importante parte da xuventude. Isto, sumado as dificultades cada vez maiores para a consecución de axudas, fai que un número importante de mozos e mozas se vexan obrigados a abandonar os seus estudos.

Por outro lado, numerosas facultades quedan en mans de grandes empresarios, que como é habitual, velan máis polo seu propio beneficio económico que por conseguir xóvenes formados, competentes e independentes.

Como todos saberedes, dende o pasado mes de novembro, o Partido Popular tomou o relevo ao goberno de Zapatero. Tendo en conta o modelo de políticas de recortes sociais que está a levar a cabo este partido a nivel autonómico, non é posible esperar outra cousa máis que unha carreira feroz cara a elitización do ensino e a degradación dos servizos públicos en xeral.

Non imos permanecer impasibles vendo como xogan co noso futuro e como o empregan como moeda de cambio para saír da crise. Cremos na viavilidade doutras alternativas que non impliquen a destrucción de todo aquelo que tanto esforzo custou acadar, considerando a depauperación dun piar tan fundamental da sociedade moderna como é a educación pública, un enorme retroceso cara á igualdade social e económica. E nós, Estudantes Sen Futuro, estaremos presentes na loita contra estas atroces medidas, reivindicando sen descanso unha sociedade xusta e igualitaria.

Prevese un período de grandes movilizacións no que será necesario o compromiso de todas e todos nós, demostrando que seguimos aquí con máis forza ca nunca.

Agardámoste o vindeiro día 10, as 18:00 no edificio de Ferro da Universidade!

A solución non está na resignación, e agora, é o noso momento para demostralo!

Organízate e loita!